Axudas

Resumo das bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Tamén dispos de este e outros documentos informativos completos e os anexos a cubrir para solicitar as axudas.

Regras xerais

  • Proxectos produtivos: os que supoñan a realización dunha actividade económica con fin lucrativo tendentes á produción de bens e/ou servizos e que supoñan unha creación e/ou mantemento do nivel de emprego.
  • Proxectos non produtivos: os que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
  1. Estar localizados no ámbito territorial do GDR 9 Monteval (A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oimbra, Riós, Verín e Vilardevós).
  2. Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.
  3. Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
  4. Non estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda.
  5. Ser finalistas, é dicir, que á data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados os proxectos.
  • As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.
  • As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
  • As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
Requisitos:
  1. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
  3. Cumprir os requisitos de pequena empresa: menos de 50 traballadores e menos de 10 M€ de balance económico.
    Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para os beneficiarios das axudas a proxectos non produtivos.
  4. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia.
A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian a ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto.

No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50% do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

  • Que se achegue un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.
  • O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
  • Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que esixa a normativa sectorial.
  • No caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais ou comarcais ou polas súas entidades dependentes, os inmobles non poderán usarse para albergar servizos de caracter meramente administrativo.
  • Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian a ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grado de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.
A adquisición de terreos.

Límite do 10% do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

  • Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.
  • Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.
  • Que non estean edificados ou o estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da operación subvencionable
A adquisición de maquinaria e equipamento novos.
Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos e publicacións.
Custes xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade.

Os custes xerais descritos neste apartado non poderán superar o 12% do custe total subvencionable das operacións de investimento aos que estean vinculados.

Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas.

A suma dos gastos sinalados neste apartado xunto coa suma dos gastos en custes xerais sinalados no apartado anterior non poderá superar o 20% do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.

Medios e equipos de transporte.

En proxectos de natureza produtiva, adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.

Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte de mercadorías para o desenvolvemento da actividade, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.
En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable; ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea.

En proxectos de natureza non produtiva poderán subvencionarse os gastos de adquisición ou da adecuación de vehículos de transporte que estean asociados á prestación de servizos sociais básicos como a atención a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con mobilidade reducida, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

  • Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25 %, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.
  • O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.
  • Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral, sen prexuízo do disposto con carácter particular nas fichas de elixibilidade correspondentes a gastos en custos correntes, animación e a formación para incrementar a capacitación para o emprego da poboación do territorio que sexa promovida polos GDR.
  • Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
  • A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así como os materiais de igual procedencia.
  • Os intereses debedores das contas bancarias.
  • Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, coa excepción dos custos xerais vinculados a gastos de investimento.
  • Os investimentos que substitúan outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados desde a data da realización do investimento.
  • Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición sexa financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen polo menos 5 anos contados desde a data da realización do investimento.
  • Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.
  • Os gastos de procedementos xudiciais.
  • A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.
  • Os conceptos de «gastos xerais» e «beneficio industrial», agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.
  • Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades públicas locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, así como os servizos esenciais para os cales o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades públicas locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
  • Os proxectos de sinalización territorial.
  • Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante, así como as obras de simple ornamentación.
  • Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
Proxectos productivos
  • Ficha de elixibilidade I. Os investimentos no sector da produción agraria primaria. Axuda: 15% - 50%.
  • Ficha de elixibilidade II. Os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Axuda: 15% - 50%.
  • Ficha de elixibilidade III. Os investimentos en transformación e comercialización de produtos forestais. Axuda: 15% - 40%, con un máximo de 200000€.
  • Ficha de elixibilidade IV. Os investimentos que supoñan diversificación das explotacións agrarias cara actividades non agrarias. Axuda: 15% - 50%, con un máximo de 200000€.
  • Ficha de elixibilidade V. Investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias. Axuda: 15% - 50%, con un máximo de 200000€.
Proxectos non productivos
  • Ficha de elixibilidade VI. Proxectos que teñan un interese público ou colectivo, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica. Axuda: 30% - 90%, con un máximo de 200000€.

Tramitación de axudas

  • Modelo normalilzado: anexo II
  • Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, da representación do solicitante.
  • Declaración censual tributaria (modelo 036 ou 037), ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.
  • Documentación acreditativa de que se cumpre co requisito de ser pequena empresa: últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na que figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual.
  • Informe da plantilla media de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda, expedido pola Tesoureiría Xeral da Seguridade Social.
  • Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.
  • Memoria e resumo do proxecto en documento normalizado: (anexo III - plan de empresa– para proxectos produtivos e anexo IV - plan de xestión- para proxectos non produtivos), no cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios de selección que o GDR teña aprobados. Para proxectos de natureza produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de empresa que abranguerá polo menos 5 anos, coa xustificación da súa viabilidade económica financeira. Para proxectos de natureza non produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de xestión da actividade e/ou do investimento que abranguerá polo menos 5 anos.
  • Orzamento de gastos, desagregados por partidas, necesarios para a execución do proxecto (anexo V).
  • Relación de ofertas solicitadas e elixidas, nos termos indicados no artigo 10 destas bases reguladoras, segundo os documentos normalizados (anexo VI-A e declaración segundo modelo normalizado do anexo VI-B).
  • De ser o caso, documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado polo beneficiario e non recuperable.
  • No suposto de investimentos en explotacións agrarias, código de explotación agraria, ou no seu defecto, rexistro oficial que corresponda á explotación agraria.
  • No suposto de proxectos de diversificación de explotacións agrarias cara actividades non agrarias (ficha de elixibilidade IV) deberá achegarse a acreditación do grao de parentesco. Neste suposto deberá achegarse tamén o certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente á Agader a súa consulta.
  • Plano do Sixpac indicando as coordenadas da localización da operación. .
  • No caso de empresas xa existentes, licenza de actividade do concello ou de ser o caso acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
  • No caso de que unha operación inclúa obra civil, anteproxecto ou memoria valorada, asinado por técnico competente na materia.
  • Calquera outra documentación ou información adicional que o interesado considere de interese para un mellor análise e valoración do proxecto.

As personas xurídicas e administración local están obrigadas a presentación electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración e/ou o GDR na súa condición de entidade colaboradora da Administración, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

As persoas físicas non están obrigadas á presentación electrónica, e poderán presentar a documentación en formato papel, presencialmente no rexistro da Asociación Monteval GDR-9.

Os custos deberán corresponder a prezos de mercado. Débese respectar a moderación de custos.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente nunha memoria. Nos supostos de que o beneficiario subcontrate, total ou parcialmente, a actividade que constitúa o obxecto da subvención, nos termos previstos no artigo 27.2 da LGS, tamén deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores.

Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas, e non se admitirá o certificado, informe, invitacións realizadas ou documento similar indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

Os provedores non poderán estar vinculados co promotor do proxecto ou cos seus órganos directivos ou xestores.

As ofertas solicitadas para cada gasto tampouco poderán proceder de empresas vinculadas entre si, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Non se admitirán supostos de autofacturación.

A non vinculación das empresas provedoras, nin entre elas nin co promotor do proxecto, acreditarase a través dunha declaración responsable do solicitante (modelo normalizado do anexo VI B)

A escolla entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando esta non recaia na oferta máis económica. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben e que polo tanto non se presenten un mínimo de 3 ofertas de distintos provedores, a moderación de custes acreditarase mediante o informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado que acredite o seu valor de mercado.

A escolla da oferta ou ofertas presentadas vinculan ao promotor de cara ao desenvolvemento do proxecto, no caso de ser beneficiario da axuda. Excepcionalmente, poderá substituírse o provedor da oferta escollida, sempre que se cumpran as condicións establecidas neste artigo, debendo, non obstante, respectarse o importe máximo da oferta ou ofertas escollidas. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude de axuda que non veñan avalados polas ofertas presentadas nos termos expostos.

As entidades públicas de carácter local ou comarcal, poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa primeira solicitude de pagamento, achegando unha certificación ou informe do secretario/interventor ou, de ser o caso, do empregado público que de acordo coa estrutura organizativa do concello teña atribuída as competencias en materia de contratación pública, acreditando que o procedemento de contratación se tramitou nos termos previstos no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.Este informe ou certificación acompañarase do listado de comprobación para operacións de investimento público que estará a dispor dos interesados nas sedes dos GDR e que tamén poderá descargarse da páxina web de Agader: http://agader.xunta.es Nos supostos de que o contrato estea calificado como menor, deberán achegarse necesariamente un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación.

  • Respectar o destino do investimento, polo menos, durante os 5 anos posteriores á data da resolución do pagamento final.
  • Manter os empregos consolidados durante os 5 anos posteriores á data da resolución do pagamento final do proxecto.
  • Manter durante os 5 anos posteriores á data da súa efectiva creación os empregos que teña a obriga de crear.
  • Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.
  • Facilitar aos avaliadores designados, toda a información necesaria para realizar o seguimento e a avaliación do programa.
  • Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as operacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
  • Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado.
  • Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.
  • Publicitar a concesión da axuda.
  • Facilitar a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocarase una placa explicativa con información sobre o proxecto. No caso de que o beneficiario teña sitio web de uso profesional, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

Os bens subvencionados quedarán afectos á operación subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución do pagamento final.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida.

  • Data inicial de admisión de solicitudes: Ano 2017: 31 de xaneiro. Resto de anualidades: 2 de xaneiro.
  • Data final de admisión de solicitudes para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de marzo de cada ano.
  • Data final de admisión de solicitudes para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de maio de cada ano.
  • Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 15 de outubro de cada ano.
  • Data final de xustificación de investimentos: 15 de outubro de cada ano.
  • Data final de concesión de axudas: 30 de setembro de 2020.

Documentos informativos

Anexos a cubrir