Dende Monteval, e en colaboración coa Denominación de Orixe de Monterrei, como destino da partida de fondos que ésta asociación conta de forma anual para a realización de actividades de conmemoración contra  a violencia de xénero, e ante as restricións sanitarias pola Covid-19, decidimos que o mellor “acto” que podíamos realizar sería un recoñecemento a todas esas súper avoas do noso rural, esas loitadoras infatigables sen as cales non coñeceríamos o mundo tal como é agora.

Para este ambicioso traballo, contamos co artista galego Joseba Muruzábal, coñecido como Yoseba MP, que con súa colección de “Fenómenas do Rural”, podía plasmar o gran valor que teñen na nosa comarca as mulleres do campo, deste xeito, naceu “ISABEL, MAN DE TIXEIRA”.

Nosa protagonista, Isabel Alonso Pardo, nacida en Oímbra hai 88 anos foi escollida como esa representante de tódalas súper avoas do noso territorio ao ser a viticultora máis antiga inscrita na Denominación de Orixe de Monterrei, sendo unha pioneira no sector.

Así loce o resultado final da obra de Yoseba MP na rúa Irmáns Moreno de Verín, empoderando as mulleres, convertíndoas en heroínas, algo que sempre foron, son, e serán, claves no noso día a día. Un regalo para nosos veciños, en tempos difíciles, pero que ante Isabel sacan un sorriso para unha foto e unha clara mensaxe, de todo se sae.

Deja un comentario