Leader

O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999, 2000-2006 e 2007-2013 ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.

Financiamento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020:

  • Fondos FEDER: 75%
  • Xunta de Galicia: 22,5%
  • Goberno central: 2.5%

Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o obxectivo de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque Leader para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes, obxectivos:

  • Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
  • Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
  • Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
  • Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.
  • Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
  • Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Máis información

Web de Agader

Web da Unión Europea

Vídeo explicativo do programa Leader 2014-2020 en Galicia